lunes, 14 de diciembre de 2015

Lectura recomendada do mes de decembro

Comezamos coa impactante triloxía do Baztán de Dolores Redondo e co seu primeiro libro "El guardián invisible" que é una novela negra que mestura con orixinalidade o realismo dunha investigación policial con elementos máxicos da mitoloxía vasco-navarra.
É una obra misteriosa e entretida así que se queredes saber máis, invítovos a lela e a facer una reseña que logo publicaremos neste blog.
Animádevos!
 



 

domingo, 29 de noviembre de 2015

Eu tamén son Balbino

Con esta viñeta de Xaquín Marín, rendémoslle homenaxe ao escritor Xosé Neira Vilas (Gres - Vila de Cruces, 1928 – 27 novembro 2015). El, que fixo que neste país onde reina o autoodio, todos nos sentiramos orgullosos de sermos Balbinos, rapaces de aldea, que levantaramos a bandeira da dignidade da nosa identidade social e lingüística e que a defenderamos cunha consciencia activa. As súas Memorias dun neno labrego van xa camiño dos 700.000 exemplares vendidos; un libro estimulador e liberador de consciencias adocenadas.
O carácter amigable de Neira Vilas, empático, reflíctese moi ben nas súas diversas actividades de dinamización cultural, de contacto co pobo e de preocupación moi directa polo mundo da infancia. Deste xeito, foi un dos pioneiros da literatura infantil en galego
Pero Neira Vilas foi todo iso e moito máis. Pasa pola biblioteca e mergúllate nos diferentes títulos que pousímos del : gozarás dese tempo e será a mellor forma de lle render homenaxe a un escritor que pensaba en nós, como pobo, e nos sectores sociais máis desfavorecidos cando escribía as súas historias
Se queres, aquí tes un aperitivo para irelo degustando. Un relato titulado “O trebón”, do seu libro Xente no rodicio:
O TREBÓN
Saíu da igrexa alancando. Nin sequera se detivo para mollar os dedos na pía da auga. Ía coma entolecida. Non falou con ninguén. Sentía que todos a ollaban; que todos lle querían pedir contas... O mundo enteiro derredor dela, atenazándoa cos ollos. Para máis, chovía a reverter. Asolagaba. Entalábanselle os zocos na lama.
Entrou, sen pensalo, na caseta do agro. Sentouse nun recuncho. Estaba pingando, aterecida. Choraba. Pasou o mandil polos ollos para enxugar aquelas dúas fontaíñas. Era unha treboada de anguria e medo e xenreira, que estalara nela cando escoitou o sermón. Non tiña dúbidas: as verbas queimantes que seguiron ao Evanxelio, ían para ela. Resoaron na igrexa coma tronos. E aqueles brazos, envoltos en roupa sagra, semellaban dúas gadañas sobor do seu pescozo.
Pensou no meniño morto. Ninguén o podía sentir tanto coma ela. Faláranlle, dende había moito, de criar “hijos para el cielo”. E xa tiña tres malvivindo na terra. Tres mañuzos de farrapos; tres gorxas sen pan. Pero agardaba o outro; o que non viviu.
O sermón daquel domingo ía dirixido a ela. A ela! Por algo se lle pousaron derriba os ollos de todos. E eso doíalle moi fondo. Coma se lle estivesen arrincando as frebas do corazón. Non se estragara adrede. Endexamais o faría. Fora alí mesmo, ao pé da caseta do agro. Estaba soa. Tivo que erguer un feixe de trevo mollado. Polos arredores non había ninguén para axudarlle. Foi un esforzo grande. De alí en diante, aquelo deixou de rebulir na súa entraña. Ata que un día o botou fóra de si.
Seguía chovendo. As árbores bruaban, encirradas polo vento.
Cavilando no sermón e na ruindade da xente e no meniño que non chegou a nacer, foise quedando durmida na caseta do agro.

 Canción "Memorias dun neno labrego" (A casa que nunca tivemos). Grupo: A Quenlla

jueves, 19 de noviembre de 2015

Lembrando a María...


Alguén dixo que o teatro non morrería mentres houbese nenos e nenas dispostos a vestirse cos ropaxes doutros.
Eu penso o mesmo, e debo engadir, tamén, que non morrerá sempre e cando os nenos e nenas estean dispostos a dar renda solta a súa IMAXINACIÓN, CREATIVIDADE e FANTASÍA.

María C. Varela

domingo, 15 de noviembre de 2015

Lectura recomendada para o mes de novembro


Gústanche a fantasía, o medo e o suspense? Agora que estamos no mes do Samháin, ou Samaín, o mes no que os celtas celebraban o comezo do ano e que vimos de pasar unha noite con bruxas, pantasmas e vampiros por todas partes... por que non probar a ler algo que nos leve a un mundo fantástico e en ocasións de terror?
Aquí tedes unha escolma de sete dos textos máis coñecidos do xenio do relato curto, Edgar Allan Poe, que en poucas páxinas conseguía crear unha atmosfera de misterio e tebras na que moitas veces o protagonista se vía dominado pola angustia e o terror.
"O escaravello de ouro", "A máscara da morte vermella", "O gato negro", "Os crimes da Rúa Morgue" (con Auguste C. Dupin, primeiro detective recoñecido na literatura), "Manuscrito atopado nunha botella", "O pozo e o péndulo" e "Ligeia" son os relatos incluídos en O escaravello de ouro e outros contos
Non é este o único libro da biblioteca que recolle relatos deste autor. Ademais de outras escolmas en castelán e en galego, e se che apetece probar a ler a Poe na súa lingua orixinal, aínda que adaptada, aquí tes Tales of Mystery and Imagination.



lunes, 9 de noviembre de 2015

Xurxo Mariño, un gran divulgador científico galego

O pasado mércores 4 de novembro celebrouse o VI día da Ciencia en Galego, e os alumnos de 3º, 4º e 1º de bacharelato puideron escoitar a videoconfererencia de Xurxo Mariño.
Este neurofisiólogo galego é tamén un afamado divulgador científico e ten publicados varios libros que acercan a Ciencia a todos. Aquí tedes dous exemplos deles...se os queredes ler premede nas imaxes ou pedídeos na biblioteca.
http://consellodacultura.gal/mediateca/extras/CCG_2005_Os-dados-do-reloxeiro-ciencia-amena-para-mentes-inquietas.pdf


domingo, 1 de noviembre de 2015

Hallowen ou Samaín na nosa biblioteca

Da igual o Hallowen co que nos inunda a cultura dos EEUU ou o noso Samaín de orixe celta...nesta época de medo, vampiros, cadáveres, esqueletos, cabazas...invitámoste a que te acerques á biblioteca. Hai moita literatura sobre esta temática, como mostra aquí tedes algún libro que podes atopar:

Un cómic, "A noite de Samaín" protagonizado polos Barbazóns, unha familia celta formada por Tara (unha vella celta do Castro de Baroña); Con, Bre e Lerankos (os fillos), unha noral irlandesa....
Probade a ler as aventuras desta particular familia e se vos gustan na nosa biblioteca tedes máis títulos para elexir.
Os libros da famosa saga de vampiros escrita pola estadounidense Stephenie Meyer, onde poderedes coñecer a historia de amor entre unha rapaza mortal (Bella) e un vampiro (Edward ).
E para rematar recomendámosvos unha película moi propia para estas datas "A noiva cadáver" de Tim Burton. Aquí tedes o trailer da peli:

sábado, 24 de octubre de 2015

Día Internacional das Bibliotecas

Hoxe 24 de outubro é o Día Internacional das Bibliotecas, esta data xurde para conmemorar a destrucción da biblioteca de Sarajevo en 1992 que foi incendiada durante a guerra dos Balcáns; paradoxicamente o que ordenou semellante ataque era un profesor de Literatura, especializado en Shakespeare (+info).
Celébrase desde o ano 1997 para concienciar á sociedade da importancia que teñen as bibliotecas como lugar de encontro coa cultura e as historias que os libros ofrecen aos lectores.
A biblioteca de Sarajevo (Vijećnica) foi restaurada e inagurada de novo no ano 2014.
 
Biblioteca de Sarajevo despois do bombardeo (foto de Gervasio García) e na actualidade tras a súa reconstrucción (LaVanguardia).
No ano 2008 o escritor canadiense Peter Galloay publicou unha novela, O violonchelista de Sarajevo, baseada nun feito real onde esta biblioteca é parte do escenario da historia.

martes, 20 de octubre de 2015

Biblioteca escolar, base de exploracións

Lema elixido este curso 2015/2016 para o cartel da campaña anual de bibliotecas escolares da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

sábado, 17 de octubre de 2015

Lectura recomendada do mes de outubro

"LA CHICA DEL TREN"

O bestseller que arrasa nas listas de máis vendidos de EE.UU. e Reino Unido.
Estabas no tren das 8:04? Viches algo sospeitoso?
Rachel, si...


















Dispoñible na sección de Novidades da nosa biblioteca.


 
 

martes, 6 de octubre de 2015

Por que o sillón azul?


O afamado escritor que dá nome ao noso centro publicou un libro titulado "Deus sentado nun sillón azul". Sirva esta primeira entrada como homenaxe a Carlos Casares.