martes, 26 de abril de 2016

A tropa de trapo

Onte, seguindo coas commemoracións do Día do libro, estivo con nós Brais das Hortas, un dos compoñentes de "A tropa de trapo", presentándonos o seu espectáculo Contos de defuntos (e outros asuntos).
Os alumnos da ESO puideron desfrutar dos seus contos, neste caso de defuntos, escenificados de maneira maxistral e interactuando co seu esixente público que non deixou de aplaudir toda a literatura de transmisión oral que el gardaba na súa mente e na súa persoa.
Como dixo el mesmo: "Contos de mortos que non están tan mortos, da Santa Compaña que non é tan santa, de aparecidos, de visións...de todas esas cousas que rodean a vida e a morte e das que nunca está demáis falar un pouco..."
Deleitounos con todas esas historias que atesoura a nosa Galicia e que hai que seguir transmitindo de xeración en xeración porque é a historia dos nosos antepasados e, polo tanto, a nosa.
Todo isto, adornado cunha perfecta pero tamén misteriosa, tétrica, máxica e coidada posta en escea que nos atrapou dende o primer intre.
 
 

No hay comentarios:

Publicar un comentario