viernes, 28 de abril de 2017

Encontros literarios "Á luz da candea": Xabier Quiroga



Hoxe inauguramos os Encontros literarios "Á luz da candea" coa presencia do escritor galego Xabier Quiroga co que puidemos intercambiar diversas opinións, preguntas, dúbidas e curiosidades sobre as  súas obras "Era por setembro" e "Izan o da saca" e todo isto dentro dun ambiente marcado pola cercanía e a sensibilidade.



Xabier Quiroga é profesor de Lingua e literatura galega e deuse a coñecer no terreo literario coa súa obra “Atuado na braña” (2002) coa que conseguiu varios premios como o Losada Diéguez no 2002. Reaparece coa súa espléndida obra e ben coñecida por vós “Era por setembro” , unha novela de aprendizaxe dunha adolescente de 13 anos que quere saber a verdade do seu pasado e do seu presente pero tamén unha novela de mulleres xa que as dúas protagonistas, Aldara a a súa nai, son mulleres que se enfrontan ó seu pasado, a nai cun amor fracasado que reaparece despois de 13 anos e a filla cunha dúbida existencial e emocional por saber quen é o seu pai. Por riba de todo, destacamos a sensibilidade coa que o autor toca temas conflictivos como as relacións familiares.


No 2014 consegue o Premio da Crítica con “Zapatillas rotas” e no 2015 sae á luz a súa última novela “Izan o da saca” (Premio San Clemente), obra trepidante na que se investiga sobre a “Ruta das Ratas”, tamén chamada “Ruta dos Mosteiros” en Galicia que era o itinerario de fuxida dos nazis cara a América do sur na época da posguerra. Ambientada na Ribeira Sacra, percorre escenarios magníficamente descritos como Monforte, Pantón, o Saviñao, o Mosteiro de Samos, ou o pazo de Arxeriz, nos que o Reiniña irá descubrindo un segredo que afecta a un alto membro da política do país. Xabier fai uso dunha gran capacidade literaria e achéganos a un insólito final que todos compartimos coa súa lectura.


Foi un pracer telo con nós  e poder coñecer de primeira man o proceso de creación das súas obras.


Desde aquí, o meu agradecemento a Jesús A. pola súa axuda inestimable para que este soño se fixera realidade e, como non, a Xabier Quiroga, por aceptar vir ó IES Carlos Casares de Viana e compartir con nós parte do seu tempo de lecer.
 
Unha aperta!
 














 


Grazas a todos os compañeiros que axudaron na organización deste encontro literario  e ós alumnos de 3ºESO, 4ºESO e 1º BACH polo seu interese e boa disposición á hora de preparar todo o necesario para que isto fora posible.

 
 
 
 

 

lunes, 24 de abril de 2017

Día do LIbro

Para celebrar o Día do Libro, os nosos alumnos fixeron uns muráis nos que escribiron diversas citas literarias que, por algún motivo, forman parte da súa vida. A comunidade educativa foi partícipe desta iniciativa e colaborou coas súas aportacións literarias.
Déixovos una mostra :)
 




jueves, 20 de abril de 2017

28 de abril: Conversando con Xabier Quiroga

O próximo 28 de abril terá lugar na biblioteca do IES Carlos Casares unha tertulia literaria co afamado escritor Xabier Quiroga.


Nela trataremos obras como "Era por setembro", unha novela de aprendizaxe dunha adolescente de 13 anos que quere saber a verdade sobre o seu pasado e o seu presente pero tamén unha novela de mulleres xa que as dúas protagonistas, Aldara e a súa nai, son mulleres que se enfrontan ó seu pasado, a nai cun amor fracasado e a filla cunha dúbida existencial e emocional por saber quen é seu pai.

 

Tamén falaremos e compartiremos opinións sobre a súa última obra "Izan o da saca", ambientada en diversos escenarios da Ribeira Sacra e na que se investiga sobre a Ruta das Ratas, que era o itinerario de fuxida dos nazis cara a América do Sur na época da posguerra.
 
Dende aquí, damos as grazas a Xabier polo seu cariño e pola súa boa disposición á hora de aceptar compartir parte do seu tempo de lecer con nós.
 
 
 
 


 

 

miércoles, 19 de abril de 2017

Falece o escritor, profesor e columnista Miguel Suárez Abel



Escribía para non ter frío. 
Onte, 18 de abril de 2017, faleceu despois de varios anos de loita contra o cancro, Miguel Suárez Abel.
Era novelista e columnista, labores que lle valeron varios premios ao longo da súa carreira: Puro Cora, Blanco Amor, Julio Camba e a novela por entregas de La Voz de Galicia.
Aínda que era orixinario de Arzúa, unha grande parte da súa vida pasouna en Pontevedra, onde traballou, primeiro dando clases de Xeografía e Historia, e despois como orientador, no IES Luís Seoane de Monteporreiro, labor da que se xubilou hai uns anos.
E seguía escribindo, facíao no seu blogue persoal (http://suarezabel.blogspot.com.es/), no que tres días antes do seu falecemento publicou a súa derradeira entrada.
Na biblioteca tedes á vosa disposición exemplares de Turbo, Sabor a ti e Álvaro Pino.

Aquí podedes ver a nova do seu falecemento en varios xornais galegos cos que colaborou ao longo da súa traxectoria.